MESA REDONDA SOBRE ÁLVARO CUNQUEIRO EN FENAVIN
O xornalista e amigo (isto explica a invitación) Manuel Villanueva (Gastro Telecinco), convocoume en FENAVIN a impartir un relatorio sobre D. Álvaro Cunqueiro xunto co maître Paco López, o profesor e historiador Xavier Castro e o pensador e escritor Manuel Rivas. Un padece a síndrome do impostor cando se enfronta a novos retos ou escenarios. Eu nos anos 70/80 lera moito a Cunqueiro, pero diso a opinar sobre o que pensaba sobre o viño de Galicia antóllaseme un reto e unha ousadía pola miña banda.
Pero se me caracterizo por algo, é pola miña infatigable procura do entendemento e embarcarme en novos retos. Así que me poño a iso, chamo a unha amiga bibliotecaria e solicítolle libros nos que podería asomarme ao seu pensamento sobre o viño. Como recordo a Cunqueiro como un gran fabulador e tendo moi presente una das súas frases máis repetida “Xornalismo e literatura son incompatibles”, inclúo libros sobre entrevistas que lle realizaron, onde esperaba ver máis ao xornalista que ao escritor, para tratar de discernir de pensamentos vitais, de brillantes elucubracións literarias.
Cunha ducia de libros seus e sobre el, comezo a lelos na procura do coñecemento vínico. Cando leo obra en papel, son de tomar notas en cadernos de follas en branco que me van regalando en sisudos seminarios; para a ocasión busco un especial, con follas de papel de 100gr., de tapas ríxidas e acabado en cortiza (está claro de que seminario o trouxen); Vou desmenuzado a súa obra e á miña entender o seu pensamento, e anotando, páxinas, obras, datas e editoriais. Con todo iso envorcado xa no meu caderno sorrío, téñoo. Teño un esquema co que penso estar á altura do evento. Dous días antes de arrincar cara a FENAVIN quero repasalo todo, busco o caderno e non o atopo, busco culpables da miña desgraza por todos partes, pero o maldito caderno non aparece e os libros xa se regresaron aos andeis das bibliotecas universitarias de toda Galicia. Participo na xornada, recorro á memoria e saio relativamente satisfeito do meu relatorio. E que queda de todo isto?; unhas fotografías, unhas cantas notas de prensa, unha sensación agridoce por non podelo facer como o tiña programado.
Xa…. e o coñecemento de que relendo a Cunqueiro entendo que non só era un fabulador, era un gran gaioleiro; todos ao lelo e relelo veremos que nos dá a razón, non nos ensina, reafírmanos, tanto o literario aos que defenden a cultura do consumo de viño na cunca, como o xornalista aos que apostamos pola civilización da copa de cristal.
Luis Paadín
